Friday 19 de April de 2024

O sábado comeza en San Sadurniño o curso de iniciación á fruticultura da AGFA do Eume


Durará 20 horas repartidas en catro sábados consecutivos

Aínda hai prazas dispoñibles, que poden reservarse até o mércores no 616 332 919

A AGFA do Eume e o Concello continúan traballando para mostrar as posibilidades de desenvolvemento que ofrece a actividade frutícola. Neste sentido hai varias semanas que se lanzou a convocatoria dun curso sobre esta materia que aínda ten aberto o prazo de inscrición a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A actividade, de 20h de duración, desenvolverase os sábados 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño polas mañás.

O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fructicultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

O temario abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda -de inverno, de formación e de frutificación, en verde, etc.-, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado.

A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 60€.

As inscricións hai que facelas a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo para anotarse remata este mércores 18 ás 14:00h.

Esta proposta formativa está incluída no convenio de colaboración suscrito a principios de ano polo Concello e a AGFA do Eume, no que tamén se recolle o mantemento do terreo e das variedades plantadas na horta de conservación Carlos Fornos.

———————-

Enviamos tamén algunhas imaxes da celebración das Letras Galegas onte á tardiña na Casa da Cultura de San Sadurniño. Houbo lectura de poemas e as actuacións das escolas municipais de cantos de taberna e de gaita, nun acto conducido por Pedro Picos, Xose Bonome e Sabela Hermida (Bucanero Teatro).

Ademais tamén houbo dúas presentacións. Na primeira delas a da deseñadora luguesa Melania Freire aproveitou o evento para convidar ao público a visitar a mostra de fotografías “Inventario” que pode visitarse na Casa do Concello até o 14 de xuño, día no que tamén haberá unha visita guiada pola propia autora.

A segunda das presentacións foi a da 27ª edición do Festival do Río Castro, que volve celebrarse tras dous anos de parón por causa da pandemia. A AVV O Castelo de Narahío mostrou o cartel deseñado por Juanlu Nacha, onde aparecen as actuacións programadas para a xornada do 2 de xullo no lugar da Bóla.

No apartado musical animarán a sesión vermú Os Feroces da Galgueira, acompañados dun obradoiro de baile. Á noite actuarán Encrucillada, Os da porfía e Tanto nos ten. Completan o programa os enredos tradicionais e sostibles dos Picos do Sol -quen coordinarán os xogos populares do serán- e os malabares de Peter Punk.

O programa completo xa está dispoñible na web www.festivaldoriocastro.gal.